xoves, 27 de outubro de 2011

NICK GARRIE EN DIRECTO


En 1969 un mozo inglés criado en Francia chamado Nick Garrie cumpre vinte anos e grava un deses discos que forman parte da subcultura culta dos anos sesenta, "The Nightmare of J.B. Stanislas" (DiscAZ, 1969), producido por Eddie Vartan co acompañamento dunha orquestra de sesenta músicos. Con todo o suicidio de Lucien Morisse, dono do selo, provoca que a tirada sexa mínima e a promoción nula. Pasa pois desapercibido a pesar de ser sen ningunha dúbida un dos discos máis fermosos e inquietantes de finais dos anos 60. Un disco maduro, melancólico, cun ollo na psicodelia e outro na chanson francesa: resoan ecos de Nick Drake, de Harry Nilsson ou de Leonard Cohen pero tamén de Jacques Brel, de Georges Brassens ou de Georges Moustaki.

Co tempo vai crecendo o culto polo elepé, chegando a pagarse 1200 euros por unha copia orixinal do mesmo. Nick non volverá escoitar estas cancións até o ano 2005 pero namentres non deixa de facer cancións, deixar discos dispersos polo mundo, tocar alá onde llo permiten o tempo e o dnero e até telonear ao mismísimo Leonard Cohen, fan confeso de Garrie.

Tras moitos anos de desencantos Nick parece atopar o seu sitio nisto da música. E hai que agradecerllo ao selo madrileño Elefant que lle fixo recoller a confianza necesaria para primeiro publicar un disco gravado en compañía do mellor da escena indie escocesa (Ally Kerr, BMX Bandits, Teenage Fanclub) á altura de todo o anterior, "49 Arlington Gardens" (Elefant, 2009), e despois acceder á reedición do seu disco maldito, "The Nightmare of J.B. Stanislas", que vén acompañado dun extenso libreto autobiográfico. E agora temos a oportunidade de escoitar a súa máxica voz en directo coa súa única actuación en Galicia. Iñaki Orbezua

Máis información: Nick Garrie  -  Elefant