O primeiro expresar de novo abraio porque o Felipop siga existindo. Non soamente iso, senón que o faga con carteis de sona, onde á beira de grupos “indie” de categoría aparecen vellas glorias do pop español, pero non en estado putrefacto mais perfectamente conservadas e dispostas a encher de música moi boa o escenario de Limodre onde aqueles “ye-yes” compartimos arelas coa xente nova. Bailando ao ritmo que nos tocan.
Este ano Micky (si, o de Micky y los Tonys, o intérprete de “El chico de la armónica”), quen nos fixo bulir ao son do seu grupo, Los Colosos del Ritmo. Un grupo versátil, con tres guitarras, órgano e batería (a harmónica soprabáa Micky, lástima fora), a tocar rock, twist ou cancións recicladas, “Buona será, signorina”, por exemplo, ou cousas de moito relax. Pouco doado isto con Micky, que se xa non é o “Home de goma” que adoitaba ser moi pouco lle falta. Porque o nachiño, cos seus sesenta e sete calendarios nas costas, vai dun lado para outro do escenario con espírito de derviche xiróvago, animando ao público a participar e, mesmo, marcándose un solo de harmónica ben espectacular.
De maneira que pagou a pena ir o sábado este ata Limodre, comprobando ademáis a presencia da guapa xente que no Felipop aniña. Do Marqués das Viñas para abaixo, atentos ao que o festival outorga; unha das mellores ofertas de España no seu xénero. Non outro que o pop frescal, como un deses queixos que rebentan en orixinalidade e sabor. Diario de Ferrol; luns, 15-8-2011